1. INTRODUCIÓN.
O Plan Lector é un documento marco no que se establecen as lineas xerais propostas pola Consellería de Educación para a mellora da competencia lectora e o desenvolvemento do hábito lector no alumnado a partir do papel que xoga a lectura na sociedade contemporánea e da análise da situación actual na nosa comunidade.
Enténdese por competencia a capacidade de poñer en práctica de forma integrada, en contextos e situacións diferentes, os coñecementos, as habilidades e as actitudes persoais adquiridos.As competencias teñen tres compoñentes: un saber (un contido), un saber facer (un procedemento, unha habilidade, unha destreza...) e un saber ser ou saber estar (unha actitude determinada).
As competencias básicas ou clave teñen as características seguintes:
Promoven o desenvolvemento de capacidades máis ca a asimilación de contidos, aínda que estes sempre están presentes á hora de concretarse as aprendizaxes.
Teñen en conta o carácter aplicativo das aprendizaxes xa que se entende que unha persoa”competente” é aquela capaz de resolver os problemas propios do seu ámbito de actuación.
Baséanse no seu carácter dinámico, posto que se desenvolven de xeito progresivo e poden ser adquiridas en situacións e institucións formativas diferentes.
Teñen un carácter interdisciplinar e transversal, posto que integran aprendizaxes procedentes de distintas disciplinas.
Son un punto de encontro entre a e a equidade, por canto que pretenden garantir unha educación que dea respostq ás necesidades reais da nosa época (calidade) e que sirva de base común a todos os cidadáns e cidadás(equidade).
As competencias clave ou básicas, é dicir, os coñecementos, destrezas e actitudes que todos os individuos necesitan para o seu desenvolvemento persoal e a súa adecuada inserción na sociedade e no mundo laboral, deberían estar desenvolvidas ao acabar a ensinanza obrigatoria e servir de base para unha aprendizaxe ao longo da vida.
O Plan Lector entra dentro da Competencia en comunicación lingüística que se refire á utilización da linguaxe como instrumento de comunicación oral e escrita.Este Plan céntrase na lectura como unha das competencias básicas que contribúen ao desenvolvemento persoal e social do individuo. Hai que ter en conta a estreita relación que existe entre ler e outros procesos intelectuais complexos e complementarios como escribir, falar e escoitar que posibilitan o desenvolvemento das competencias necesarias para a adquisición de aprendizaxes. Por tanto, as reflexións, planteamentos e actuacións débense entender como propostas e procedementos necesarios para a adquisición de habilidades que un individuo ha de adquirir para o desenvolvemento persoal e social.
O Plan entende a lectura como un acto de comunicación máis alá da pura decodificación e estrutúrase arredor dunha serie de obxectivos xerais e eixos de actuación: currículo, enfoques didácticos e organización escolar, reforzos e apoio educativo, bibliotecas, contexto familiar e cultural, tecnoloxías da información e a comunicación, e a formación permanente do profesorado.
As lineas xerais do Plan deben concretarse en cada centro en particular en función das necesidades e recursos incorporándose á Programación Xeral Anual e integrándose de forma explícita tanto nos documentos institucionais do mesmo (Proxecto Educativo, Proxecto Curricular de Centro, programacións didácticas, programación de aula) como no propio proceso de ensino-aprendizaxe de todas as áreas e materias de currículo. Igualmente, as actuacións deben estar interrelacionadas con aqueloutras que o centro leve a cabo no marco doutros plans e programas (plan de Atención á Diversidade, de Tecnoloxías de Información e a Comunicación, de convivencia, de interdisciplinariedade, de programas de reforzo e apoio educativo, de Apertura de Centros á Comunidade…). Deste xeito, o centro educativo pasa a ser un espazo prioritario para dinamizar as distintas actuacións.
Así mesmo, a Consellería será quen de facilitar a formación permanente do profesorado, a dotación progresiva dos recursos necesarios e de impulsar a elaboración, edición e difusión de materiais que ofrezan ao profesorado orientacións, recursos e experiencias prácticas innovadoras.
As fontes de información na sociedade actual non se reducen só ao mundo audiovisual e ao da imaxe senón que coexisten coas fontes escritas: xornais, libros, revistas, multiplicidade de textos. Ditas fontes escritas dinamizan de forma especial, un tipo de comprensión textual baseada no desenvolvemento de operacións cognitivas profundas (análise e reflexións, construción de nexos entre o texto e o coñecemento do mundo, e entre distintos elementos de texto…) que logo poden ser empregadas para comprender mellor o mundo en que vivimos. De aí que formar un bo lector non só favorece que acceda a unha información e coñecemento descoñecido por outros senón que adquire as condicións para o desenvolvemento dunha conciencia crítica e senta as bases para o goce estético.
A escola ten como reto facilitar a multialfabetización, permitindo unha comprensión e interpretación da realidade e atendendo a unha diversidade de sistemas simbólicos.
A situación da que se parte é froito da avaliación internacional levada a cabo pola OCDE, nos anos 2000, 2003 e 2006 a través do informe PISA, e que volverá a avaliar no 2009.Este informe puxo de manifesto a necesidade de mellorar os nosos resultados no que a competencia lectora se refire.
O nacemento desta avaliación conxunta xurdiu en EEUU ao comprobar que Rusia destacaba en formación tecnolóxica e descubriu que o seu sistema educativo fomentaba o feito de facerse preguntas. Posteriormente Alemaña analizando o seu fracaso escolar comparouse cun país como Xapón onde o éxito parecía radicar no feito de que os seus alumnos lían moito máis.
PISA desenvolve o seu proxecto a partir da consideración de que a capacidade lectora ha de permitir a comprensión e a reflexión dos textos escritos coa dobre finalidade de, por unha parte, desenvolver o coñecemento, e, por outra, permitir o potencial persoal que faga que o alumnado partícipe na sociedade.
Pola súa parte, a Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación, propón a lectura como unha das lineas básicas da nova reforma educativa establecendo que no segundo ciclo da educación infantil se fomente unha primeira aproximación á lectura e que na educación secundaria obrigatoria os alumnos/as sexan iniciados no coñecemento, a lectura e o estudo da literatura sendo traballada a comprensión lectora en todas as áreas. Así mesmo esta lei sinala como obxectivos do Bacharelato afianzar os hábitos de lectura e desenvolver a sensibilidade literaria.
Ademais a citada lei dedica un artigo para a contribución das bibliotecas escolares como espazo favorecedor do fomento da lectura e de acceso á información. Así mesmo a Administración educativa comprométese a proporcionar os recursos necesarios para garantir a posta en marcha dun plan de fomento da lectura de xeito gradual, así como ao establecemento de programas de reforzo e apoio educativo e de mellora das aprendizaxes.
Para acadar estes obxectivos resulta imprescindible que desde a escola e desde a familia tamén se colabore cunha boa disposición hacia unha diversidade de xéneros discursivos, de tipos de texto e temáticas e de textos que proporcionen unha diversidade de funcións.
Na nosa comunidade a regulación vén dada no DOG no Decreto 133/2007 de 13 de xullo de 2007: currículo de Educación Secundaria; anexo V: Proxecto Lector de Centro.
Mª Luisa Bel
profesora de ensino secundario
coordinadora de normalización lingüístico
marialuisabel@gmail.com
profesora de ensino secundario
coordinadora de normalización lingüístico
marialuisabel@gmail.com
1. INTRODUCCIÓN
Etiquetas:
plan_lector
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario